A Xunta identificou 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra

Pontevedra
02 de novembro 2020

Este luns celebrouse de xeito telemático a reunión convocada pola Xunta de Galicia sobre o Plan de saneamento da ría de Pontevedra, na que as conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, presentaron aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio e ao sector do mar o resultado da redacción do Plan

Reunión telemática da Mesa para o Saneamento da Ría de Pontevedra / Xunta de Galicia

Este luns celebrouse de xeito telemático a reunión sobre o Plan de saneamento da ría de Pontevedra, na que as conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, presentaron aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio e ao sector do mar o resultado da redacción do Plan.

Unha vez que se reciba o documento, será analizado polos técnicos municipais para coñecer as súas características técnicas, e para analizar se encaixa coas obras de saneamento xa realizadas ou en execución por parte de cada Concello nos últimos anos.

As conselleiras coincidiron en sinalar que este Plan constitúe "a ferramenta máis eficaz para coñecer en profundidade os impactos aos que está sometida a ría e pór en práctica as actuacións máis axeitadas para mellorar a calidade das augas".

A Xunta identificou 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra con 15 millóns de euros de investimento e pediu a colaboración dos concellos para facilitar a execución das obras.

Ethel Vázquez detallou que das 10 actuacións identificadas como prioritarias, dúas están en Marín, seis en Pontevedra e outras dúas en Poio.

Tendo en conta que son obras de mellora do saneamento e, polo tanto, actuacións de competencia municipal, a Xunta trasladou a súa disposición a executalas a través de Augas e Galicia para apoiar aos municipios nas súas responsabilidades empregando para o seu cofinanciamento fondos europeos Feder.

Entre as obras identificadas como necesarias, destacan as planificadas na contorna do río Lameira, en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; e no caso de Poio, ademais, a Xunta falou de actuar na mellora de catro puntos de bombeo, situados en A Seca, Padrón (Combarro), Saíñas e Lourido.

BALANCE DE ACTUACIÓNS

Este Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento total de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con traballos xa en marcha por 32 millóns e outros proxectados por máis de 15 millóns.

Ethel Vázquez lembrou que en 2018 se iniciaron actuacións estratéxicas como o novo colector e a estación de bombeo en Marín, xa rematada.

Precisou que en 2020 comezaron as obras de mellora da depuradora de Praceres e seguen os avances para iniciar a construción do novo emisario submariño de 3,6 km de lonxitude, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría. 

Ademais, avanzou que o proxecto definitivo do emisario se enviará á Dirección Xeral de Costas do Estado nas vindeiras semanas e, se este organismo emite a concesión para a ocupación do dominio público de forma áxil, poderán comezar as obras nos primeiros meses do 2021.

 

Arquivado en