A Xunta garante o funcionamento dos dous xulgados de paz existentes en Cerdedo-Cotobade, tal e como lle transmitiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, ao alcalde deste concello, Jorge Cubela, nunha xuntanza.
Segundo sinalou o director xeral, a implantación do novo modelo de rexistro civil e a súa tramitación electrónica permite ter toda a información en formato dixital e posibilítalle o acceso telemático á cidadanía, o que facilita o mantemento de ambas as oficinas, situadas en Cerdedo e en Cotobade.
Ademais, José Tronchoni anunciou que, tras a dixitalización dos libros posteriores a 1950, se continuará con este labor cos anteriores ata chegar a 1870.
O obxectivo é facilitarlle á veciñanza unha administración moderna, eficiente e próxima.