A Xunta formaliza o contrato para a mellora da depuradora dos Praceres

Pontevedra
15 de novembro 2019

Os traballos serán executados pola unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA y Acciona Agua, SA, e dispoñen dun prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 12 para a súa execución, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta /

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar este venres o contrato para executar as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra, por un importe de preto de 13 millóns de euros.

Os traballos serán executados pola unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA y Acciona Agua, SA, e dispoñen dun prazo de tres meses para a redacción do proxecto e de doce para a súa execución, ademais doutros doce para a posta en marcha dos novos tratamentos.

Esta actuación permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola normativa europea.

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente para garantir a axeitada depuración de ata 900 litros por segundo de auga residual.

Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, licitado por máis de 12 millóns de euros e cuxa adxudicación se prevé no primeiro trimestre de 2020, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa Unión Europea.

Ese plan de saneamento inclúe a ampliación da depuradora dos Praceres, actualmente en tramitación ambiental, cun investimento de 50 millóns de euros.

Arquivado en