A base das ambulancias de Soporto Vital Avanzado (SVA) do 061 en Pontevedra quedou pequena nos últimos anos para acoller a todo o persoal adscrito ao servizo nas súas gardas as 24 horas do día os 7 días da semana. Para poder prestar un servizo axeitado "a nivel de comodidade e necesidade", require unha ampliación.
Así o puideron confirmar este martes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, durante unha vista ás instalacións, no antigo edificio da Consellería de Sanidade na avenida de Vigo.
Despois de percorrer as instalacións, Agustín Reguera explicou que o obxectivo desta visita era coñecer esta base e tamén "ver a posibilidade de ampliación deste local".
Comprobou que hai unha zona de almacén onde hai arquivos doutras consellerías que non son a de Sanidade e que "pode haber a posibilidade de que poidan ser trasladados a outro lugar e poder ampliar estas instalacións".
Esta base é "fundamental para o servizo desta área sanitaria" e constatou a "necesidade clara de ampliación", de maneira que avanzou que "imos facer todo o posible desde a delegación e desde a Xerencia para que isto poida ser posible".
José Flores lembrou que esta é unha demanda que leva "un tempo enriba da mesa", desde que no ano 2019 se duplicou o servizo de enfermería do SVA. "A base non estaba pensada para ese incremento de persoal e de recursos" e agora existe unha "necesidade" de ampliación.
Nesta base fan gardas para estar "operativos esperando a chamada de calquera emerxencia que xurda en Pontevedra e nas localidades limítrofes". Chega a haber ata nove traballadores, seis de forma permanente en cada quenda e ata tres residentes en formación que precisan espazos de descanso que agora non teñen, pois só hai catro cuartos.
A ampliación que ven necesaria suporía aumentar eses espazos internos "onde convive o persoal as 24 horas", preparados para un grupo de profesionais que fai quendas e que, en total, está integrado por seis médicos, seis enfermeiros, tres enfermeiros máis e tres técnicos, ademais dos técnicos de emerxencias da empresa subcontratada para as ambulancias, que tamén fan as gardas na base.