A Xunta evita unha multa millonaria da Unión Europea pola depuración na Ría de Pontevedra

Pontevedra
07 de marzo 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que os preto de 30 millóns de euros que investiu a Xunta desde mediados de 2020 na mellora do saneamento da ría de Pontevedra conseguiron evitar unha multa millonaria por parte da Unión Europea, paralizando o procedemento sancionador por incumprimento nos parámetros de depuración

Vista aérea da ría de Pontevedra
Vista aérea da ría de Pontevedra /

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que os preto de 30 millóns de euros que investiu a Xunta desde mediados de 2020 na mellora do saneamento da ría de Pontevedra conseguiron evitar unha multa millonaria por parte da Unión Europea, paralizando o procedemento sancionador por incumprimento nos parámetros de depuración.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade compareceu este martes, a petición propia, no Pleno do Parlamento e durante a súa intervención remarcou que "o enorme esforzo" que a Xunta vén realizando "practicamente en exclusiva" para poñer en marcha as infraestruturas de depuración necesarias para o saneamento da ría de Pontevedra "funcionou".

"Evitamos a multa da Unión Europea porque acometemos unha renovación profunda da depuradora", dixo Ethel Vázquez.

Segundo a conselleira o investimento realizado de 16,5 millóns de euros, permite que desde o pasado mes de xullo a depuradora dos Praceres trate axeitadamente a auga que recibe a unha velocidade de 900 litros por segundo. 

Ethel Vázquez resaltou que a mellora levada a cabo na depuradora non só permite cumprir os parámetros legais previstos na lexislación europea, senón "ir máis lonxe", logrando que a depuración se sitúe "entre un 60% e un 80% por debaixo dos máximos permitidos, chegando a eliminar o 90% dos contaminantes".

Destacou, ademais, os 12 millóns de euros do novo emisario submarino "que se espera que entre en funcionamento en abril", tras o retraso na entrega dalgún subministro, e que permitirá incorporar á ría o caudal que sae da depuradora en condicións óptimas, para que non afecte nin á actividade extractiva nin ao baño. 

Tamén se referiu a que a planificación futura de mellora do saneamento inclúe o proxecto de ampliación da depuradora dos Praceres, "unha actuación necesaria e imprescindible para anticiparse ás novas exixencias na eliminación de nitróxeno e fósforo na ría de Pontevedra, declarada zona sensible".

 

Arquivado en