A Xunta evita confirmar o apoio financeiro á rehabilitación de Santa Clara ata que non haxa maior concreción sobre o que se quere facer

Pontevedra
16 de decembro 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou a "boa nova da adquisición e de que pase a mans públicas por parte do Concello" pero tamén sinalou que "a partir de aí necesitariamos unha concreción do que se quere facer"  

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, evitou confirmar o apoio financeiro da administración autonómica na rehabilitación do convento de Santa Clara, na cidade de Pontevedra, ata que non haxa maior concreción sobre o que se quere facer.

Preguntado polos xornalistas este xoves no transcurso dun acto na Boa Vila, Alfonso Rueda celebrou a "boa nova da adquisición e de que pase a mans públicas por parte do Concello" pero tamén sinalou que "a partir de aí necesitariamos unha concreción do que se quere facer". 

"Polo menos saber exactamente o que hai e a partir de aí avaliar", engadiu.

Alfonso Rueda indicou que "se supón que quen adquire un ben sabe o que quere facer con el e en principio conta con financiamento, parece ser que non é así".

O vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que, sobre a proposta de cofinanciar a reforma do convento de Santa Clara para que forme parte do Museo de Pontevedra, no goberno galego "non temos ningunha outra noticia máis que o que coñecemos pola prensa".

"Estaremos a escoitar a ver o que se propón", dixo Alfonso Rueda

"Estaremos a escoitar a ver o que se propón, pero en principio parece un plantexamento bastante pouco concreto, a verdade", apuntou Rueda, "necesitariamos unha concreción do que se quere facer", insistiu.

Rueda coincidiu este xoves nun acto oficial coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que ao ser preguntada polos xornalistas sobre este mesmo asunto declarou que "eu estou segura de que a Xunta comparte co Concello de Pontevedra e a Deputación que o Museo de Pontevedra é o máis relevante de Galicia" e que o goberno autonómico quere que esta institución museística "poida crecer" e mostre moita da riqueza patrimonial que ten e que neste momento está almacenada por falta de espazo para poder expoñela ao público.

"Que polo menos acheguen o 50% do mesmo xeito que están a achegar noutros lugares", dixo Carmela Silva

Con esta mesma convicción dixo Carmela Silva que está " segurísima" de que a Xunta está "encantada" con que o cenobio das clarisas pase a ser público "e poida ter un uso cultural tan importante e con tanto poderío de atracción turística".

Por estes motivos, a presidenta da Deputación reiterou a súa "reclamación amigable" para que a Xunta "invista na rehabilitación de Santa Clara" e apuntou que "sería extraordinario que se puxesen a traballar xa connosco" unha vez que se conte cos informes arqueolóxicos e históricos dese espazo conventual "para que polo menos acheguen o 50% do mesmo xeito que están a achegar noutros lugares".

Carmela Silva cre que Alfonso Rueda, que é veciño de Pontevedra, "vai ser o primeiro en comprometerse coa rehabilitación dese edificio e coa ampliación do Museo".