O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, confirmou que a administración autonómica está a buscar novas fórmulas para o edificio que ocupaba a Cámara Agraria situado na Praza do Teucro en Pontevedra.
Corres Tourís indicou que "un inmoble destas características por menos de 500 mil euros non tería lógica vendelo. Por iso decidimos retirarnos e estudar que outras opcións pode ter o inmoble, ver algún tipo de servizo que podería dar a Pontevedra ou mesmo analizar a posibilidade do alquiler. A Xunta non o vai regalar". A decisión tomouse tras comprobar que non hai, nestes momentos, persoas interesadas neste edificio despois de que a primeira poxa quedase deserta.
O delegado avanzou que "estiven falando coa secretaria xeral de Patrimonio e nas próximas semanas pode haber algunha solución para ver por onde poden ir os tiros".
José Manuel Cores Tourís indicou que en Pontevedra a Xunta conta con este inmoble e co que anteriormente ocupaban as oficinas da administración autonómica en Benito Corbal. Apuntou que en Vilagarcía e noutras zonas do ámbito hai algún edificio máis pero se trata de edificios pequenos. En todo caso, sinalou, "non teñen coste de mantenemento porque están pechados".
O delegado territorial afirmou en relación co inmoble de Benito Corbal que "entre Concello e Xunta terá que haber algún tipo de acordo". E considera que a mellor opción para ámbalas institucións sería que se recalificase e se vendese pola súa boa situación no centro de Pontevedra.