A Xunta está a traballar para que a planta de biomasa de Ence se instale en Lourizán

Pontevedra
20 de xuño 2016

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que o goberno galego está a traballar para que a planta de biomasa de 40 megawattios que Ence ten previsto construír en España, se sitúe en Pontevedra

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que o goberno galego está a traballar para que a planta de biomasa de 40 megawattios que Ence ten previsto construír en España, se sitúe en Pontevedra.

"Nós desde a Xunta de Galicia desde logo traballaremos e estamos a traballar para que o destino desa planta de biomasa poida ser Lourizán", dixo o conselleiro no transcurso dunha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira de Pontevedra.

O conselleiro insistiu en que, por parte da Xunta de Galicia, "nós apoiaremos todos os pasos" para que se concrete este investimento.

Conde apuntou que a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, que está a desenvolver o goberno autonómico, recolle o investimento nesta enerxía limpa e a súa aplicación en diferentes sectores. Neste sentido, a posibilidade de que a planta de biomasa de Ence se ubique en Lourizán "é unha aspiración para este goberno", dixo.

O conselleiro insistiu en que "a aposta do goberno polo mantemento de Ence non ten ningún tipo de fisura" e incluíu dentro deste modelo produtivo a Reganosa, As Pontes, ou ao polo aeronáutico de Rozas como "investimentos vertebradores, desde o punto de vista industrial".

Conde precisou que á empresa pasteira o primeiro que lle esixe o executivo que preside Núñez Feijóo é o "cumprimento estrito de todos os compromisos ambientais" e en segundo lugar "que se desenvolvan todos os investimentos comprometidos dentro da ampliación da concesión".

Polo que o conselleiro engadiu que agora "esperamos que dos titulares pasemos á concreción dos investimentos".

PACTO AMBIENTAL

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tamén se referiu a solicitude presentada por Ence para asinar un Pacto Ambiental, no que ofrece a todas as administracións investimentos que poderían alcanzar os 176 millóns de euros.

Francisco Conde sinalou que no goberno galego "estamos a avaliar a proposta de Ence" e unha vez que culminen este proceso "o seguinte paso sería a firma e deixar reflectidos os diferentes compromisos que Ence ten traslado a Pontevedra e Galicia", concluíu.

Arquivado en