O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, informou que a Xunta de Galicia está a recoller datos para elaborar os informes técnicos nos que sustentará a solicitude ao Goberno central dunha declaración de emerxencia para as zonas afectadas pola alta mortaldade de moluscos nos bancos marisqueiros das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo.
"Primeiro temos que avaliar os datos: pluviometría, salinidade, e tamén datos de produción. Iso é fundamental para trasladar ao Goberno do Estado e buscar a vía da zona catastrófica", explicou este xoves o conselleiro no transcurso dunha visita á Lonxa de Campelo, no Concello de Poio, onde mantivo un encontro cos patróns maiores da ría de Pontevedra.
A declaración de zona catastrófica pola mortaldade nas rías é unha demanda trasladada ao Consello Galego de Pesca pola Federación Provincial de Confrarías, cuxo presidente e patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas tamén participou este xoves no encontro co conselleiro. O sector entende que a situación é "excepcional" e por iso reclama medidas igualmente excepcionais.
Alfonso Villares reiterou que coincide co sector na necesidade de articular axudas urxentes e en que esta declaración de zona catastrófica evitará que moita xente quede sen axudas. "Sería unha vía que cubriría as necesidades de todos, os mariscadores e mariscadoras. Eu creo que temos que traballar aí, que ninguén quede fóra", declarou.
"Outras axudas que despois se puidesen arbitrar xa sería máis complicado que todas as persoas entrasen", insistiu Alfonso Villares.
O conselleiro Villares lembrou que o marisco se veuse moi afectado polas altas temperaturas que alcanzou este ano a auga nas rías e polo exceso de auga doce que chegou aos bancos durante os temporais de outubro e novembro. As confrarías apuntan que a mortaldade do berberecho supera o 95% e no caso da produción de ameixa japónica é do 75%.
"O fundamental é que non quede ninguén fóra á hora de axudar e a vía de declarar zona catastrófica é o camiño", reiterou o conselleiro do Mar.
Mari Carmen Vázquez, patroa maior da confraría de Lourizán e presidenta da Lonxa de Campelo lembrou que na provincia de Pontevedra son preto de 3.000 as familias afectadas pola elevada mortaldade de marisco "e a verdade, temos un futuro bastante malo", lamentou.
A situación é tan "desesperada" que á patroa maior de Lourizán xa non lle preocupa perder a próxima campaña de Nadal senón o futuro de todo este sector extractivo. "Todo o mundo preocúpase da campaña de Nadal, do que poida haber nos mercados, a nós preocúpanos xaneiro, febreiro, marzo e todo o ano 24", afirmou.
"Iso é unha angustia para un traballador que é un mariscador, é un autónomo que realmente non ten que levar á súa casa. A que vai levar a isto? Pois moita xente deixará o marisqueo porque terá que vivir", manifestou Mari Carmen Vázquez.
A patroa maior de Lourizán tamén alertou doutro problema como é a entrada nos mercados de marisco foráneo "o berberecho vén de Holanda, a ameixa japónica que vén de Francia, de Italia, de Portugal, mesmo agora a ameixa fina que vén de Marrocos".
"Xa pasou cando foi o do Prestige", lembra a patroa, "no mercado hai un produto que di que é galego e non o é, é moi triste". Neste sentido o conselleiro do Mar lembrou que "a Xunta tamén ten servizos que poden velar para que o que se consuma sexan produtos nosos".