Motivos "técnicos". É a razón á que se aferra a Xunta de Galicia para xustificar a polémica decisión de deixar ao Ateneo de Pontevedra fose da repartición dos 29 locais do edificio administrativo da rúa Benito Corbal.
A secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda, Elena Muñoz, respondeu este argumento este xoves ante unha pregunta do deputado do BNG Luís Bará no Parlamento de Galicia.
O BNG levou a situación do Ateneo á Comisión primeira do Parlamento acusando á Xunta dunha "interpretación nesgada e errónea" da memoria entregada por este colectivo pontevedrés dentro do proceso de adxudicación dos locais de Benito Corbal e, en resposta, a responsable da Administración aferrouse a eses motivos técnicos.
Luís Bará considera que a Xunta dirixiu o proceso de adxudicación dos espazos para "beneficiar" a determinadas asociacións próximas á liña ideolóxica do Partido Popular, entre elas, Red Madre, unha organización "antiabortista que forma parte do ultraconservador Foro da Familia" e que foi promovida e protexida en Galicia mediante unha lei, de iniciativa popular, que blinda as súas actividades.
Elena Muñoz nega estas consideracións e defendeu o proceso "regrado" realizado por funcionarios da administración atendendo a eses citados criterios "técnicos". Alegou que os criterios son responsabilidade dunha comisión de expertos cuxa valoración é aceptada pola Xunta e lamentou que o Ateneo de Pontevedra fose excluído desta valoración.
"Non se entende que o Ateneo non entre nunha relación de 29 colectivos beneficiarios da repartición”, criticou Bará, que engade que "hai 36 solicitudes, 29 locais e resulta que o Ateneo queda fóra entre entidades relixiosas e outras que nin sequera teñen a súa sede en Pontevedra ou no seu ámbito de influencia”.