A Xunta de Galicia acaba de abrir un proceso para escoitar ás asociacións pontevedresas sen ánimo de lucro de cara a fixar os criterios para o reparto dos espazos destinados a entidades no edificio da antiga sede da administración autonómica na rúa Benito Corbal, que se atopa en proceso de reforma.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o secretario territorial da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, mantiveron este luns un primeiro encontro coas entidades pontevedresas para presentarlles os espazos que haberá dispoñibles no citado edificio.
No transcurso do encontro, que tivo lugar na delegación territorial da Xunta, explicaron que ata o 30 de setembro recollerán suxerencias, propostas e comentarios de todos os colectivos que así o desexen e, a continuación, comezará o proceso para a asignación dos 26 locais dispoñibles.
En caso de que se reciban máis peticións de asociacións que locais dispoñibles, Alfonso Rueda explicou que se asignarán os espazos da forma "máis xusta posible", sempre tendo en conta a necesidade por parte do colectivo. Iso si, todas as entidades demandantes deben cumprir os requisitos de traballar en Pontevedra e a súa área de influencia, non ter fins de lucro, estar dada de alta no rexistro correspondente e estar ao día nas obrigas tributarias.
Rueda e Pereiro explicaron a varias decenas de representantes de colectivos de Pontevedra que no terceiro e no cuarto andar do edificio haberá 26 locais dispoñibles, 22 de 27 metros cadrados e catro de 40 metros cadrados. Ademais, poderán usar a sala de reunións do terceiro andar e o salón de actos do semisoto.
Durante este tempo aberto para recibir suxerencias pretenden fixar tamén circunstancias do funcionamento do edificio, tales como o horario de apertura do centro, que xa anuncian que será "amplo", posiblemente ata as 23.00 horas. De momento, a Xunta xa estableceu que cada asociación terá que facerse cargo do pago do consumo eléctrico e que o inmoble terá wi-fi, pero quedan moitas cuestións por resolver.
Alfonso Rueda indicou que o procedemento para repartir os locais comenzará xa cando remate ese periodo para escoitar ás asociacións. Haberá dous meses para presentar as solicitudes por vía electrónica e a idea é que en canto estea rematado o edificio xa se poidan trasladar ás novas instalacións. Calcúlase que será no primeiro trimestre de 2019.
As obras de rehabilitación da antiga sede da Xunta teñen un orzamento de 4,5 millóns de euros e aglutinan no centro da cidade máis de 5.000 metros cadrados nos que se ubicarán tamén o Campus Crea da Universidade de Vigo e as oficinas de Emprego, actualmente dispersas pola cidade.