A Xunta Electoral pide á Fiscalía que investigue a ausencia inxustificada de tres presidentes de mesa o 28A

Pontevedra
03 de maio 2019

A Xunta Electoral de Zona de Pontevedra decidiu remitir testemuño á Fiscalía Provincial por se os feitos protagonizados por estas tres persoas puidesen ser constitutivos de delito electoral. A pena prevista é a de prisión de 3 meses a un ano ou multa de 6 a 24 meses 

Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 28A
Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 28A / Mónica Patxot

A Xunta Electoral de Zona de Pontevedra decidiu trasladar á Fiscalía Provincial a actuación de tres persoas que foran designadas como presidentes de mesa para as eleccións do pasado domingo e ausentáronse sen excursarse nin avisar nin á Xunta Electoral nin á propia mesa. 

Segundo informou o Tribunal Superior de  Xustiza de Galicia (TSXG), a Xunta remitiu testemuño á Fiscalía para que investigue, por se os feitos protagonizados por estas tres persoas puidesen ser constitutivos de delito electoral

Estas ausencias foron suplidas con normalidade polos suplentes das mesas que "debidamente compareceron e cumpriron coas súas obrigacións legais e cívicas", non obstaculizándose así o proceso electoral, que, segundo a Xunta, "discorreu dentro de parámetros de total normalidade".

A Xunta explica que a Lei Orgánica Xeral Electoral (O 5/1985), no seu artigo 143, castiga penalmente ao presidente e aos vogais das mesas electorais, así como aos seus respectivos suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, abandónenas sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigacións de escusa ou aviso previo que lles impón esta lei. A pena prevista é a de prisión de 3 meses a un ano ou multa de 6 a 24 meses.

A ausencia destes tres presidentes foi a única incidencia destacada rexistrada por esta Xunta Electoral o pasado domingo. En xeral, a Xunta quere destacar o correcto funcionamento da xornada electoral na súa circunscrición electoral, que agrupa a 22  concellos da provincia e un total de 348 mesas electorais, onde apenas se rexistraron incidencias.

Para as eleccións municipais do próximo 26 de maio, a Xunta Electoral de Zona manterase coa mesma composición e mandato que se prorroga tendo en conta que entre as eleccións xerais e as municipais e europeas non pasaron máis de 100 días, polo que se mantén a constitución da Xunta sen solución de continuidade.

Arquivado en