O proxecto para construír o novo edificio xudicial de Pontevedra en A Parda está xa practicamente rematado despois de escoitar a todas as partes implicadas dalgunha maneira no mundo da Xustiza e que se verán afectadas polo resultado final do inmoble. Este mércores celebrouse a última reunión de traballo na delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Na reunión participaron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e representantes da Administración de Xustiza na cidade e dende a Xunta destacan que se acadou o consenso con xuíces, avogados, fiscais, procuradores, secretarios xudiciais e funcionarios, entre outros colectivos.
O edificio, que terá capacidade para albergar máis de 20 xulgados, servirá tamén para agrupar a todos os órganos xudiciais que actualmente se atopan dispersos na cidade, estará conectado cos actuais xulgados e poderá ser ampliado nun futuro se fora necesario.
O Goberno galego ten en orzamentos preto de 1,8 millóns de euros este ano para poder levar a cabo a licitación da obra. Uns orzamentos que se complementarán ata chegar nos vindeiros anos aos 20 millóns de euros que require o edificio.