A Xunta e o Concello de Pontevedra "reinician un proceso de colaboración" coa mellora do bombeo de Cocheras

Pontevedra
21 de abril 2021

A mellora do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres permitirá paliar as consecuencias das deficiencias da rede municipal pola infiltración de pluviais e do mar e evitar vertidos no fondo da ría

Carme Da Silva i Ethel Vázquez
Carme Da Silva i Ethel Vázquez / PontevedraViva

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou este mércores o proxecto para mellorar de forma substancial a eficiencia e rendemento do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres, paliando as consecuencias das deficiencias da rede municipal de saneamento, derivadas das infiltracións de augas pluviais e procedentes do mar, e para evitar vertidos na ría, catalogada en Europa como "zona sensible" pola súa importancia para o marisqueo, a pesca e todas as actividades que se desenvolven ao seu arredor.

Ethel Vázquez, acompañada da portavoz do Goberno Local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, e da concelleira do Ciclo da Auga Carme da Silva informou da licitación da redacción do proxecto construtivo da mellora do bombeo de Cocheras, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 millóns de euros.

As empresas interesadas teñen ata o 20 de maio para presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo, cuxo prazo de execución é de 6 meses.

Vázquez Mourelle indicou que este contrato, ao que se destinan case 125.000 euros, definirá un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais.

A conselleira subliñou que se prevén novas conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría, estancas, para evitar infiltracións, así como unha estrutura de desbaste para xestionar os sólidos grosos e que a auga residual que vai á depuradora chegue xa pretratada.

"O que agardamos é iniciar a redacción do proxecto construtivo este mesmo ano e estar en disposición no 2022 para licitar esas obras" cuxo investimento será achegado desde a Xunta, empregando tamén fondos europeos Feder, precisou a conselleira.

Pola súa banda, Carme da Silva indicou que desde o Concello de Pontevedra hai tempo que saben que un dos grandes problemas que ten o funcionamento da depuradora é a falta de capacidade do sistema hidráulico para trasladar desde o bombeo de Cocheiras ata esta EDAR "e iso provoca que o punto de alivio moitas veces véxase botando augas residuais".

"Valoramos positivamente que se acometa esta obra" engadiu a concelleira responsable do Ciclo da auga, xa que este proxecto "é o reinicio dun proceso de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra en materia de saneamento".

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou este proxecto que forma parte das 12 actuacións prioritarias do Plan de saneamento da ría, que suman unha achega do Goberno galego de 47 millóns de euros.

Precisou, neste sentido, que a mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 millóns de euros está executada ao 40%, e que as obras do novo emisario, de 12 millóns de euros, comezarán en maio.

 

Arquivado en