A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron este xoves un convenio de colaboración para finalizar as obras da nova residencia de maiores e centro de día municipais que o concello está a construír en Carballedo. Este acordo ten un importe de 134.000 euros.
Fabiola García sinalou que cando este novo centro entre en funcionamento porá a disposición das familias 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna.
Ademais, destacou que completará a rede de recursos para as persoas maiores que xa ten a Xunta de Galicia en Cerdedo-Cotobade: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada fai apenas dous anos.
A conselleira indicou que para o Executivo autonómico é importante seguir aumentando o número de prazas residenciais para as persoas maiores, pero que "aínda o é máis garantir que poidan escoller como e onde queren vivir esta etapa das súas vidas". Neste sentido, puxo en valor recursos como o Servizo de Axuda no Fogar, o Bono Coidado no Fogar, os centros de día ou as casas do maior.