A Xunta e Aviturga promoven a ordenación das vivendas de uso turístico

Pontevedra
23 de xuño 2020

Aviturga e Consellería de Turismo impulsan unha campaña para guiar aos propietarios no proceso de regularización dos aloxamentos e reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro

Vivenda de aluguer turístico
Vivenda de aluguer turístico

A Consellería de Cultura e Turismo e a Asociación de propietarios de vivendas de uso turístico (Aviturga), aúnan forzas este verán para avanzar na ordenación e normalización deste tipo de alugueiros.

Farano a través da plataforma Legaliciate.gal, que tamén da nome a unha campaña que se desenvolverá de xeito intenso durante todo o verán pero á que tamén lle darán continuidade fora de temporada.

O obxectivo que comparten Aviturga e a Consellería de Cultura e Turismo e que todas as casas que ofrezan aloxamento de uso turístico a partir deste verán cumpran coa lexislación vixente, é dicir, con todos os requisitos recollidos no Decreto 12/2017 aprobado en maio do 2017.

Ainda que facelo é xa obrigado dende a aprobación do mencionado Decreto, Consellería e asociación de propietarios entenden que este verán é preciso reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade, un propósito no que é imprescindible a colaboración de todos os propietarios de vivendas que aínda non procederon a inscribila no Rexistro da Xunta.

Os seus impulsores cren que Legalíciate.gal vai incidir en evitar o fraude no aluguer turístico orientando ao propietario en cada paso do proceso a través dunha web que estará activa desde este martes e dunha guía que inclúe vínculos a cada un dos documentos que é preciso presentar.

Alugar unha vivenda como turística é un proceso sinxelo que Legalíciate.gal resume en catro pasos. O primeiro é rexistrar a propiedade comunicando a alta a Turismo de Galicia, ben nos rexistros públicos ou na sede electrónica da Xunta, aportando a taxa pagada (59,75 euros) e a declaración responsable (que se pode descargar tamén a través de Legalíciate.gal).

Os propietarios deben tamén darse de alta na plataforma dixital Hospederías da Garda Civil ou E-Hotel da Policía Nacional (segundo o municipio no que se desenvolva a actividade) e dende o pasado 1 de xaneiro teñen tamén a obriga de facilitar trimestralmente os datos de ocupación a Turismo de Galicia.

Para iso, a Xunta habilitou un espazo web no que darse de alta mediante o código da sinatura da vivenda rexistrada e, dunha maneira moi sinxela, introducir os datos. A web inclúe un breve manual para familiarizarse co seu funcionamento.

A Xunta asegura que alugar dentro da legalidade só aporta vantaxes. Unha delas é ter presenza na Internet para optar a comercialización dixital do aloxamento, un método no que xa é obrigado facilitar o número de rexistro da vivenda, algo que dende Aviturga recomendan esixir a quen se aloxen en vivendas destas características.

E para evitar intermediarios e incrementar a rendibilidade desta actividade, Aviturga conta cunha plataforma propia de reservas, Vitgal.es, á que só poden optar as vivendas legais. Legalíciate.gal ofrece respostas ás preguntas máis frecuentes dos propietarios, así como un enlace con Aviturga que posibilita estar en contacto permanente coa asociación para xestionar calquera tipo de incidencia que xurda no desenvolvemento desta actividade.

Aviturga, tamén co respaldo da Consellería de Cultura e Turismo, impulsará nos vindeiros días a súa Escola de Anfitrións a través dunha aula virtual de formación permanente que comezará a funcionar cun ciclo de webinars destinados a formar aos propietarios de vivendas turísticas sobre os protocolos a aplicar este verán para previr o Covid-19 e garantir as máximas condicións hixiénicas e sanitarias nas vivendas de uso turístico.