A Xunta distribúe 550 libros nos hospitais públicos da área sanitaria

Pontevedra
23 de abril 2020

A partir deste xoves e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade

Reparto de libros nos hospitais públicos
Reparto de libros nos hospitais públicos / Sergas

Co gallo do Día do Libro, a Xunta de Galicia distribúe en 14 hospitais públicos un total de 4.000 libros procedentes das adquisicións da Consellería de Cultura e Turismo a editoras para o seu agasallo xeral e uso nas aulas hospitalarias. Na área sanitaria de Pontevedra foron 200 libros entre os hospitais Provincial e Montecelo e no Hospital Público do Salnés foron 350 libros.

A través desta iniciativa o Goberno autonómico pretende visibilizar o importante papel que a industria do libro galego desempeña dentro da sociedade, recoñecer o papel dos autores e fornecer dunha opción de lecer cultural, relaxación e entretemento a aqueles pacientes que pola súa enfermidade estean en disposición e desexen ler, aos seus acompañantes e ao persoal do SERGAS.

A remesa está configurada de xeito maioritario por obras de literatura infantil e xuvenil en galego, e inclúe unha compilación de títulos para aproximarse ao patrimonio cultural e, especificamente, ao Camiño de Santiago, con volumes como "A peregrina gastrónoma", escrita por María Canosa; pero, no seu conxunto procura cubrir a diversidade de gustos e temáticas lectoras, incluíndose títulos clásicos, obras arredor do persoeiro ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero, ou monografías de sabios do país como "Astronomía. A ollo ceibe" de Ramón María Aller.