A Xunta, "disposta a falar" da comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra

Pontevedra
01 de agosto 2017

O director xeral de Emerxencias, Luís Menor, asegurou que sería "perfectamente válida" como solución para mellorar a atención ás emerxencias na zona centro da provincia. "É unha cuestión de negociación que debe ser liderada por quen ten a competencia que é a Deputación", sinalou, engadindo que Pontevedra "me consta que ten boa vontade" para abordar o proceso

Parque de bombeiros de Pontevedra
Parque de bombeiros de Pontevedra / PontevedraViva

A comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra é unha petición reiterada dos concellos da área de influencia da Boa Vila. Entenden, moitos deles, que resolvería as demoras que se rexistran actualmente nos tempos de resposta ás emerxencias, como ocorreu recentemente no incendio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.

Pero para iso, o Concello de Pontevedra pon unha condición. Que exista, por parte doutras administracións, o financiamento adecuado para a súa xestión.

A este respecto, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, asegurou este martes en Pontevedra que a Xunta de Galicia está "disposta a falar" para comarcalizar o parque, ao entender que sería "perfectamente válida" como solución para mellorar a atención ás emerxencias na zona centro da provincia.

Para iso, matizou, hai que poñer de acordo a tres administracións, xa que lembrou que as competencias en concellos de menos de 20.000 habitantes é da Deputación de Pontevedra.

"É unha cuestión de negociación que debe ser liderada por quen ten a competencia que é a Deputación", sinalou o director xeral de Emerxencias, que engadiu que Pontevedra "me consta que ten boa vontade" para abordar o proceso.

Luís Menor recoñeceu que ocorre "con bastante frecuencia" que son os concellos próximos ás sete grandes cidades "os que peor atendidos están", ante a "paradoxa" da existencia destes parques municipais "que poderían dar ese servizo".

Así, explicou que o parque de Ferrol si está comarcalizado e é un modelo que "funciona moi ben" e que entende que, en Pontevedra, sería "unha das solución posibles" para atender aos municipios da comarca que, actualmente, reciben servizo dos parques comarcais de Ribadumia e Bueu.