Desde o pasado 21 de outubro, a Xunta de Galicia ten á súa disposición os terreos para a construción do novo edificio xudicial da Parda. Así o asegura o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima. "Dispón dos terreos desde entón e pode facer o que queira con eles", explicou. Por iso é polo que insistise que o atraso neste proxecto "en todo caso non é algo achacable ao Concello de Pontevedra".
García Legísima, farto de que "se trate de desacreditar ao Concello", desvelou que desde esa data as expropiacións están abonadas e o único destino deses terreos é para o novo edificio xudicial. "Se a Xunta non ten máis cartos para o edificio que os 500.000 euros que aparecen nos orzamentos será que non dispón deles", dixo, porque en todo caso podería estar listo xa o proxecto constructivo.
"Entendemos que non haxa cartos e iso non o imos criticar, pero que o retraso non nolo achaquen a nós, porque non temos culpa", insistiu o edil nacionalista, quen recordou que na construción do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, "empezaron a construír cando aínda non eran formalmente os donos dos terreos".
O único trámite pendente por parte do Concello de Pontevedra "que non impide que a Xunta comece a actuar nos terreos" é a cesión oficial dos terreos. Estase atrasando, explicou Legísima, debido a unha parcela cedida por unha promotora ao Concello en 1997, sendo alcalde o popular Juan Luís Pedrosa que non se rexistrou correctamente. "Como pasa moitas veces, as cousas non se fixeron ben e esta escritura non estaba ben completada e houbo que facelo todo de novo".
En todo caso, a Xunta de Goberno reiterará formalmente á Xunta de Galicia que todos os trámites están en regra "a pesar de que xa o saben, porque todos os pasos que fomos dando se ían comunicando aos técnicos da Xunta". Concluíu, polo tanto, García Legísima reiterando que o Concello "cumpliu sobradamente o convenio", e sinalou que o fixeron ata "cando non estabamos obrigados a nada, porque non é a nosa competencia".