A Xunta destina 1,7 millóns de euros para poñer en marcha 32 cursos para persoas desempregadas

Pontevedra
03 de novembro 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade este xoves nunha visita ás instalacións da Consultora Monte Alto, unha das entidades beneficiarias por estes investimentos en formación

O delegado territorial da Xunta, Luis López, presentou os cursos AFD para Pontevedra
O delegado territorial da Xunta, Luis López, presentou os cursos AFD para Pontevedra / Xunta de Galicia

A cidade de Pontevedra contará con 32 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD), despois de que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade aprobase un investimento de preto de 1,7 millóns de euros para estas actividades.

Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitaba este xoves as instalacións de Consultora Monte Alto e anunciaba a medida

Precisamente esta empresa é unha das entidades que se beneficiarán deste diñeiro ao impartir cinco cursos de Competencias chave de nivel 3 para certificados de profesionalidade en lingua galega; Montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial; Operacións auxiliares de montaxe e instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións; e Montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións cunha achega da Xunta de case 260.000 euros.

O delegado cifrou en 327 o número de cursos AFD que se impartirán en toda a provincia para mellorar a empregabilidade de persoas que buscan traballo.

Estes cursos de formación inícianse nestas semanas de outono e prolongaranse, nalgúns casos, ata o mes de maio de 2023, cunha duración que varía entre as 38 e as 828 horas. Once entidades impartirán estas accións no municipio de Pontevedra.

Pola súa banda, noutros puntos da contorna realizaranse nove cursos en Marín; sete en Poio e en Ponte Caldelas; catro en Barro; tres en Bueu; dous en Moraña e en Cuntis cun total de 1,86 millóns de euros.

Luís López destacou o alto grao de especialización dos AFD e as posibilidades de ofrecer unha aprendizaxe moi variada desde, entre outros, coñecemento en linguas estranxeiras a organización de transporte e distribución, pasando  por mercadotecnia e compravenda internacional; atención sociosanitaria, desenvolvo web, soldadura ou asistencia documental.