A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asegurou este mércores no Parlamento que a Xunta estará "moi vixiante no cumprimento estrito" de todos os compromisos adquiridos por Ence para a súa factoría de Pontevedra, moi especialmente no referido á parte ambiental, un eido no que "non só nos quedaremos no xa comprometido, senón que esixiremos máis", incidiu Mato.
A conselleira anunciou que "veño de manter unha reunión con responsables de Ence aos que lles solicitei un maior compromiso en materia ambiental, especialmente no eido da depuración na zona de Pontevedra e a posta en marcha de novos proxectos no eido forestal, así como información directa e concreta sobre o cronograma de investimentos contemplados na solicitude de prórroga".
Así mesmo, nesa reunión, Mato pediu ademais a axilización dos proxectos xa anunciados, co obxectivo de que todos poidan estar iniciados antes do mes de agosto.
A titular do departamento autonómico avanzou que antes de outubro de 2018 a empresa terá que someterse a unha nova revisión e avaliación das condicións ambientais.