O goberno de Alberto Núñez Feijóo rompe o seu silencio con respecto á prórroga concedida a ENCE. Fíxoo a través da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que compareceu este martes no Parlamento galego. Non acudía por ese asunto, pero durante un agre debate coa oposición deixou entrever a postura da Xunta sobre a continuidade da compañía en Lourizán.
"Este goberno está ao lado do emprego, dos traballadores e do futuro sustentable da comunidade", sinalou Beatriz Mato, despois de que os populares lembrasen que o peche do complexo industrial de Lourizán supoñería "poñer en risco 800 empregos directos" e outros 5.000 que xera de forma indirecta en toda Galicia.
A titular de Medio Ambiente explicou que o informe da Xunta sobre Ence "non fala en positivo" da empresa na súa actual localización, senón que se limita a certificar o seu cumprimento dos requisitos polos que, en 2008, concedéuselle a autorización ambiental integrada.
Esta autorización foi, precisamente, o argumento que empregou Beatriz Mato para acusar á oposición de actuar con "hipocrisía política", cando a deputada do BNG, Ana Pontón, afirmou que a Xunta favorecía a ENCE con todas as súas actuacións. "A autorización aprobouna o bipartito", lembrou a conselleira, que apuntou que o BNG tivo responsabilidades de goberno e "tivo nas súas mans o que di que tanto lle preocupa".
Ana Pontón, que viu como o novo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ordenáballe retirar unha pancarta de protesta ante esta prórroga, apuntou que "os que comen do pesebre de ENCE están nas filas do PP" e reiterou que esta nova concesión é "fraudulenta, antidemocrática e contraria ao interese xeral do pobo". Diso responsabilizou de forma directa a Feijóo, Rueda e á propia Mato por avalar a continuidade da compañía en Pontevedra.
Pola súa banda, o deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo, que lamentou que a noticia fose avanzada aos medios de comunicación pola propia empresa, acusou o goberno galego de mentir en sede parlamentaria con "nocturnidade, aleivosía, premeditación e todas as características negativas que se lle poidan atribuír" e sinalou que a prórroga de ENCE "serve aos intereses do PP".
Antón Sánchez, viceportavoz de AGE, cualificou de "vergonzosa" a decisión do Goberno e acusou ao PP de "non parar de traballar para a empresa", modificando a Lei de Costas "a medida de ENCE"; mentres que desde o Grupo Mixto, Consuelo Martínez criticou que un presidente "que non ten nin o valor de presentarse" para tratar de ser investido si o teña "para impoñer a continuidade" de ENCE na ría.