A Xunta de Persoal de Pontevedra denuncia "neglixencia" dunha mutua no accidente laboral dun bombeiro

Pontevedra
29 de xullo 2022

A Xunta de Persoal no Concello de Pontevedra denuncia que a este traballador retiróuselle o descanso por falta de persoal e non lle dan baixa laboral a pesar de ter unha brecha na cabeza. Puxéronlle 16 grampas e algúns puntos para pechar a ferida, pero o médico manifestoulle que tiña que ir ao traballo e poñer o casco e que puxera "unhas gasiñas" na ferida

Parque de bombeiros de Pontevedra
Parque de bombeiros de Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Persoal no Concello de Pontevedra, formada por delegados sindicais de AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME y UGT, denuncia a forma de actuar dunha mutua ante o caso dun traballador do servizo de extinción de incendios de Pontevedra que resultou ferido durante un accidente laboral. Segundo sosteñen, retiróuselle o descanso por falta de persoal e non lle dan baixa laboral a pesar de ter unha brecha na cabeza producida nun accidente laboral.

A través dun comunicado, os representantes dos traballadores do Concello de Pontevedra sinalan que o traballador insistiu ante a mutua nas molestias e dor na cabeza que sufría, e sinalou que a súa profesión esíxelle ter que conducir vehículos pesados e/ou realizar tarefas que por si xa son perigosas e tamén que ten que poñer prendas na cabeza e mesmo un casco pesado.

Pese a todo, o persoal médico de Ibermutua manifestoulle "reiteradamente" que se ten que incorporar ao traballo ao finalizar o seu descanso e négalle a baixa.  

O accidente deste bombeiro produciuse durante a xornada laboral e provocoulle un importante sangrado e unha brecha na cabeza, polo que foi trasladado ao Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez. Alí puxéronlle 16 grampas e algúns puntos de sutura para pechar a ferida, pero cando se trasladou aos servizos médicos para continuar o seguimento da lesión, o médico, segundo a Xunta de Persoal, rexeitou os razoamentos e o estado do traballador e manifestoulle que tiña que ir ao traballo e poñer o casco e que puxera "unhas gasiñas" na ferida.

A Xunta de Persoal entende que hai unha "actitude neglixente" por parte da mutua que "pode estar poñendo en serio risco a saúde do traballador e non só a física, senón tamén a mental", xa que "á propia presión laboral que se ven soportando no servizo de Bombeiros, súmase o desprezo pola protección da saúde daqueles que por mandato legal están obrigados a facelo". 

A denuncia do Xunta de Persoal tamén recolle que esta situación é o resultado do que considera unha "presión mediática" que o Goberno Local de Pontevedra vén fomentando nos últimos tempos con "noticias que buscan o desprestixio do traballador municipal".

Ademais, asegura que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, médico de profesión, fixo declaracións nas que "pon en dúbida as baixas no corpo de bombeiros, ou cuantifica as baixas nun 40 % do persoal sen analizar outros factores, entre eles que existe un informe dun técnico de prevención que desde o ano 2020 establece que o persoal de Bombeiros está sometido a un grao de estrés laboral importante e a unha falta de persoal, entre outras moitas consideracións".