A Xunta cre que os pellets van cara ao Cantábrico

O Salnés
19 de xaneiro 2024

Desde a posta en marcha do operativo de limpeza na costa polo incidente do buque Toconao, retiráronse das praias 3.313 kg de pellets e 8.926 kg doutros plásticos

Reunión do comité científico que asesora á Xunta para avaliar o impacto da chegada de pellets á costa
Reunión do comité científico que asesora á Xunta para avaliar o impacto da chegada de pellets á costa / Xunta de Galicia

O comité científico que asesora á Xunta para avaliar o impacto da chegada de pellets á costa galega e a situación dos plásticos mariños en xeral celebrou este venres a súa primeira reunión de traballo na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), en Vilagarcía de Arousa.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou nesta reunión do comité e compareceu ante os medios de comunicación para informar que os modelos de simulación da Xunta indican que as correntes desplazarán os pellets hacia o mar Cantábrico.

"Hai que esperar ao que ocorra coas correntes pero todo apunta a que xa está a pasar e que o resto dos pellets dirixiranse ao Cantábrico e as nosas costas serían menos afectadas", sinalou.

Ángeles Vázquez agradeceu a "implicación e o compromiso" dos 16 membros que conforman inicialmente este órgano asesor e puxo en valor a importancia de que a Comunidade poida contar cun comité de asesoramento técnico e científico en relación ao problema dos plásticos e dos microplásticos mariños. "Galicia unha vez máis non quere ser un problema senón que quere ser unha solución", declarou a vicepresidenta.

En concreto, no comité científico figuran catedráticos e profesores titulares das tres universidades galegas, responsables de centros de investigación relacionados co medio mariño e de organismos estatais e autonómicos como o Instituto español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Intecmar, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, e de entidades de referencia como a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA).

"Quero facer unha dimensión de onde estamos, a nivel internacional bótanse ao mar 32 millóns de toneladas de pellets, é unha cantidade que hai que frear, pero neste caso falamos de 25 toneladas, que é unha pinga máis nese maremágnum a nivel mundial", dixo a vicepresidenta segunda.

Ángeles Vázquez tamén fixo declaracións ao respecto da manifestación convocada para este domingo en Santiago de Compostela contra a xestión dos pellets e sinalou que é unha protesta "claramente política" organizada ante a convocatoria electoral do 18 de febreiro. 

BALANCE 

Polo que respecta ao dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets do mercante Toconao, a vicepresidenta indicou que ata o momento xa se recuperaron 3.313 quilos deste material, o equivalente 132 sacos, e tamén se retiraron 8.926 quilos doutros plásticos. 

Neste sentido, detallou que o operativo de vixilancia, detección e limpeza da Xunta, por terra e mar, está integrado hoxe por uns 400 efectivos repartidos por 56 praias de 30 concellos. Ademais, tamén inspeccionarán 31 areais de Ribeira a petición do propio Concello e en aplicación do protocolo de colaboración aprobado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).

Ademais, o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como seis patrulleiras de menores dimensións. A este operativo engádese o avión de Salvamento Marítimo do Estado Rosalía de Castro e o helicóptero Helimer 401.

Arquivado en