A Xunta convoca para os vindeiros meses de febreiro e de abril de 2022 os propietarios dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria e a execución dunha nova senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio.
Segundo publica este martes o Boletín Oficial da Provincia, o acto expropiatorio para a execución da nova senda na PO-308, fíxase para os días 8 e 9 de febreiro, entre as 9:30 e as 13:40 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 19 e 20 de abril, no mesmo horario e lugar.
En canto o acto expropiatorio de levantamento de actas previas para a execución das obras de mellora da seguridade viaria da PO-308, en Fontenla, os titulares dos terreos están convocados para os días 11 e 12 de febreiro, entre as 10:00 e as 12:20 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 21 e 22 de abril, no mesmo horario e lugar.
A Consellería de Infraestruturas investirá máis de 1,65 millones de euros na execución deste itinerario e na eliminación dun treito de concentración de accidentes nese tramo da PO-308, licitando a execución de ambas as dúas actuacións nas vindeiras semanas.
A senda executarase nun treito de preto de 1,7 km, pola marxe esquerda da vía, e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.
Para reforzar a seguridade viaria en Fontenla melloraranse as interseccións e reduciranse os xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez leva mobilizados 15,65 millones de euros nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308, que se completarán a curto prazo con 2,14 millón de euros máis nas sendas e melloras da seguridade na contorna de Combarro.