A Xunta confirma a reapertura de ximnasios na área sanitaria

Pontevedra
23 de febreiro 2021

A partir do venres poderán abrir instalacións deportivas como ximnasios e piscinas, sempre respectando os aforos. Tamén se permitirá a actividade deportiva para grupos de ata catro persoas non conviventes, sempre con máscara

Centro deportivo de Campolongo
Centro deportivo de Campolongo / Cristina Saiz

Despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciase en rolda de prensa que só se permitiría a reapertura dos centros deportivos nos municipios de nivel tres, horas máis tarde corrixiu para engadir que finalmente tamén poderán volver abrir as súas portas aqueles espazos deportivos situados nos  concellos que se atopen no nivel 2 de restricións.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés atópase neste nivel dous.

De modo que a partir do venres poderán abrir instalacións deportivas como ximnasios e piscinas, sempre respectando os aforos. 

Tamén se permitirá a actividade deportiva para grupos de ata catro persoas non conviventes, sempre con máscara. 

Os ximnasios seguirán pechados en Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica de Bergantiños, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadañedo.