A Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII de Pontevedra contará cun Programa Integrado de Emprego (PIE).
Concedido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego e Igualdade, o programa buscará impulsar as condicións de empregabilidade, favorecer a inserción e mellorar as oportunidades de traballo dun cento dos seus membros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este venres desta nova actividade nunha visita ás novas instalacións da fundación na rúa Blanco Amor, onde estuvo acompañado polo vicepresidente da Fundación Juan XXIII, Alfonso Pérez; o director-xerente, Diego Chapela; o patrono Antonio Jar; e as técnicas de emprego Susana Pérez e Peregrina García.
"Dende a Xunta de Galicia cremos que a integración e a inclusión das persoas con discapacidade debe abranguer, ademais das cuestións sociais, a súa vida laboral e por iso apostamos por este modelo formativo e de inserción con esta fundación", detallou o representante autonómico, en referencia ás tres edicións anteriores celebradas, nas que participaron 286 persoas e das que 132 obtiveron algún contrato.
O programa conta cun investimento de 250.000 euros que financia a Consellería de Emprego e Igualdade e para o cal agardan alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 36% entre os seus cen participantes.
O seu inicio será inmediato e consistirá en accións de orientación laboral, formación transversal en habilidades persoais e técnicas de procura de emprego, coaching, formación, intermediación, obradoiros de mobilidade laboral, emprego con apoio ou emprendemento durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de 20 empresas da contorna, algo habitual xa que preto de 200 firmas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo xa participaron coa entidade nas edicións precedentes.
Finalmente, Luis López sinalou que "a Fundación Juan XXIII desprega unha ampla política de accións formativas, de inserción e de empregabilidade que son fundamentais para facilitar a súa integración laboral e que merecen o máximo recoñecemento e apoio por parte da Xunta", e destacou que a entidade tamén promove os programas de Formación Profesional (FP) Dual adaptada centrada en xardinaría e viveirismo con dez aprendices e o do centro especial de emprego, no que traballan 55 persoas con discapacidade -o 80% con contratos indefinidos- en quioscos e librarías de segunda man, mantemento de xardíns, limpeza de camiños e estradas rurais, conservación de montes ou acondicionamento de praias.