A Xunta concede 620.000 euros en subvencións a 9 asociacións e 53 comercios do Salnés

O Salnés
13 de decembro 2020

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de conceder 619.114 euros a nove asociacións e 53 comercios do Salnés para impulsar investimentos por 967.807 euros no marco de senllas liñas habilitadas para apoiar ao sector a través dos colectivos e da orde de impulso á innovación, a dixitalización e as novas formas de comercialización dos establecementos

Luisa Piñeiro visita o Centro Comercial Zona Aberta de Vilagarcía
Luisa Piñeiro visita o Centro Comercial Zona Aberta de Vilagarcía / Xunta de Galicia

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de conceder 619.114 euros a nove asociacións e 53 comercios do Salnés para impulsar investimentos por 967.807 euros no marco de senllas liñas habilitadas para apoiar ao sector a través dos colectivos e da orde de impulso á innovación, a dixitalización e as novas formas de comercialización dos establecementos.

En concreto, o executivo galego concedeu 194.774 euros en subvencións ás asociacións CCA Zona Aberta de Vilagarcía, Praza de Abastos Alexandre Bóveda, Profesionais da Praza de Abastos de Sanxenxo, Profesionais da Praza de Abastos de Portonovo, Profesionais da Praza de Abastos de Vilanova, Profesionais da Praza do Grove, Emgrobes, Entretendas CCU Sanxenxo e Asociación Cambados Zona Centro para o desenvolvemento de diversos proxectos para a promoción deste ramo.

Paralelamente, tamén se outorgaron 424.340 euros en axudas a 53 establecementos comerciais desta comarca que contribuirán á modernización dos seus negocios.

Entre os beneficiarios figuran 12 establecementos de Vilagarcía de Arousa, 13 de Sanxenxo, 9 de Cambados, 8 do Grove, 5 de Meaño, 2 da Illa de Arousa, 2 de Ribadumia e un de Vilanova de Arousa e Meis.

Por este motivo, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, desprazouse, xunto ao director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, ata Vilagarcía de Arousa para manter un encontro coa presidenta do CCA Zona Aberta, Rocío Louzán, e outros representantes do colectivo, xa que é unha das entidades beneficiarias dos apoios da Xunta.