A Xunta compromete máis de 5,5 millóns de investimento para sete actuacións en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
15 de xullo 2017

O principal investimento, con 1,8 millóns de orzamento, será a construción da rede de saneamento en Tenorio, segundo o tratado nunha reunión entre os responsables municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo recibe no seu despacho a Jorge Cubela e José Balseiros
Alberto Núñez Feijóo recibe no seu despacho a Jorge Cubela e José Balseiros / Concello de Cerdedo-Cotobade

Durante os próximos 18 meses a Xunta de Galicia investirá máis de 5,5 millóns de euros en Cerdedo-Cotobade.

Así o garantiu o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión cos máximos responsables municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, na que repasaron o estado das diversas actuacións pendentes.

O principal investimento, cun orzamento de 1,8 millóns de euros, será a creación da rede de saneamento de Tenorio, que está previsto licitar durante o presente verán e que beneficiará a preto de 1.200 veciños.

Por outra banda Núñez Feijóo asegurou no encontro que os orzamentos autonómicos de 2018 contemplarán unha partida de 1,5 millóns para acometer as construción do novo edificio da residencia da terceira idade en Cerdedo, o que permitirá ampliar a capacidade a 59 residentes e 50 usuarios do centro de día.

Outras das actuacións previstas será a construción do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe en Carballedo, no que se investirán 700.000 euros, e a mellora das estradas PO-234 entre Augasantas e Ponte Caldelas e Serrapio-Vichocuntín. O orzamento para o tramo cotobadés da PO-234 adxudicarase en próximas datas con 650.000 euros de orzamento, mentres a previsión na segunda vía é poder licitar os traballos antes de final de ano cun investimento previsto de 600.000 euros.

A última dos investimentos previstos será a humanización dos accesos á igrexa de Tenorio e á Praza do Concello de Cerdedo, por un montante de algo máis de 300.000 euros.