A comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades, entre eles o de Pontevedra, está sobre a mesa da Xunta de Galicia para mellorar a resposta nas emerxencias que se produzan en todo o territorio galego.
Así o avanzou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que este luns presentou no Parlamento os orzamentos do seu departamento, o de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que en 2018 superarán os 150 millóns de euros.
Para este propósito, o goberno autonómico consignou 1,7 millóns de euros para o próximo ano, destacou Rueda.
A Xunta comezará, a este respecto, o diálogo coas diferentes administracións con competencias en materia de emerxencias para abordar esta comarcalización, para a cal espera a mesma vontade e compromiso orzamentario por parte de deputacións e concellos.
O goberno convocou ás deputacións e ao organismo que agrupa aos concellos galegos, a Fegamp, para abordar a posibilidade de homologar a prestación do servizo dos diferentes consorcios provinciais e converter en comarcais os parques de bombeiros das grandes cidades.
Estas medidas permitirían mellorar a resposta autonómica ás emerxencias xunto aos avances experimentados nos últimos anos. Rueda lembrou que se pasou de só sete parques de bombeiros en 1999 a máis dunha trintena na actualidade, con catro consorcios provinciais, 24 GES e máis de 200 agrupacións de Protección Civil.
Mentres tanto, subliñou Rueda, a Xunta manterá a súa participación económica para o funcionamento dos consorcios contraincendios, os GES e Protección Civil e destacou que o goberno galego achega máis do 60% do orzamento que as administracións públicas dedican ás emerxencias en Galicia.