O goberno galego convocará nuns días unha xuntanza co Concello de Pontevedra para presentarlle os detalles do novo trazado que terá a futura Variante de Alba, que tivo que ser modificado polas trabas que puxo o Ministerio de Fomento.
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, explicou que a Xunta reconsiderou a proposta aportada polo Concello e renuncia á solución preferida polos técnicos autonómicos.
O motivo, desvelou o edil do BNG, é que Fomento rexeita o entronque previsto coa N-550, a estrada entre Pontevedra e Caldas, onde está previsto construír unha rotonda.
Fomento non considera viable a rotonda no punto elixido pola Xunta, ao entender que apenas hai espazo ao tratarse dunha zona chea de vivendas.
Así, o trazado final achegarase ao suxerido polo Concello que, mantendo o punto de partida na N-531 (estrada de Vilagarcía) e tamén o paso da vía do tren, chegaría ata a N-550 nunha zona máis ao norte, á altura da parada do autobús preto da Ponte Malvar.
Nese mesmo encontro, os técnicos da Xunta presentarán as distintas propostas coas que están a traballar para a rehabilitación da ponte da Barca, unha das principais conexións viarias entre os concellos de Pontevedra e Poio.