A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou este mércores no Parlamento que a Xunta ten a vontade de levar adiante o proxecto de dragaxe do Lérez, pero sempre, subliñou, "supeditada ao cumprimento da lexislación e da tramitación, ao respecto ambiental e á salvagarda da actividade marisqueira da área da ría".
Neste sentido, insistiu que a disposición da Consellería do Mar "é a de ter listo o proxecto canto antes e poder licitalo de inmediato", pero sempre, engadiu, "coa premisa básica do consenso". Para iso, expuxo, "estamos a traballar para solventar os puntos de discrepancia".
"Estamos a traballar para solventar os puntos de discrepancia"
A titular de Mar lembrou que o proceso desta actuación se reorientou en abril de 2014 para acoller, xa co primeiro estudo de impacto ambiental redactado, cambios normativos e peticións do propio sector. Isto, indicou, implica novidades profundas na tramitación, obrigando, entre outros aspectos, a novas contratacións para un novo estudo de impacto ambiental, o que amplía a súa tramitación.
Ademais a conselleira do Mar destacou que a envergadura da actuación de dragaxe do Lérez require unha complexa tramitación administrativa, especialmente no ámbito ambiental.
De feito, sinalou, "trátase dunha das actuacións de dragaxe máis complexa do conxunto do sistema portuario autonómico, técnica e economicamente".
A través dela, explicou Rosa Quintana, prevese a actuación sobre unha superficie de 141.000 metros cadrados nun espazo de case catro quilómetros, que serán dragados a cotas de entre -2 e -7 metros. Isto suporá unha retirada de arredor de 221.000 metros cúbicos de materiais e un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros.
CRÍTICAS DO PSOE
A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, urxiu á Xunta a "deixarse de promesas" e comezar coa dragaxe da ría de Pontevedra, en risco de quedar "cega" pola acumulación de lodos e lama.
Vilán lamentou a "falla de valentía" do executivo á hora de resolver o depósito dos residuos, inicialmente previstos para depositar nas proximidades da illa de Tambo, pero que topou coa oposición das mariscadoras. Apuntou que "teñen sitios de abondo para colocar os residuos ", como é o espazo ocupado pola antiga Sogarisa pero, explicou, "hai que poñer máis cartos enriba da mesa".
Lamentou que logo de 10 anos de ter comprometido a dragaxe e mesmo a construción dunha nova estación marítima e ata unha liña de pasaxeiros dende o interior da ría, hoxe "non sabemos nada de nada".
Criticou que o teñan convertido nun "proxecto pantasma" no que "non sabemos o que lles falta para que rematen, que fixeron coas alegacións presentadas, que orzamento prevén nin se continúan coa idea de facer unha estación marítima no antigo porto de As Corbaceiras".