A Xunta baralla declarar a emerxencia das áreas de marisqueo

Vilaboa
29 de novembro 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou este mércores a Confraría de Pescadores de Vilaboa e mantivo unha reunión de traballo cos seus representantes para abordar as principais necesidades dos profesionais do mar desta zona da ría de Vigo

O conselleiro do Mar visitou a Confraría de Pescadores de Vilaboa
O conselleiro do Mar visitou a Confraría de Pescadores de Vilaboa / Xunta de Galicia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou este mércores a Confraría de Pescadores de Vilaboa e mantivo unha reunión de traballo cos seus representantes para abordar as principais necesidades dos profesionais do mar desta zona da ría de Vigo. 

O titular de Mar destacou a "complexidade da situación actual do recurso marisqueiro" e trasladou aos presentes que "xa se está traballando na elaboración dos informes técnicos nos que sustentar a solicitude ao Goberno central de zona de emerxencia para as zonas afectadas". 

Tamén sinalou que de cara ao futuro e unha vez coñecido con detalle a situación de todos os areais procederase a traballar na "planificación do resementado" de acordo co sector e dos biólogos "valorando as épocas do ano máis propicias e as especies ou variedades máis resistentes aos episodios de baixa salinidade como o de este ano".

Por outra banda, Alfonso Villares sinalou que a Xunta leva investidos en Vilaboa 7,8 millóns de euros en actuacións nos ámbitos da competitividade e innovación tecnolóxica, na ordenación e xestión dos recursos mariños, no desenvolvemento pesqueiro e nas infraestruturas portuarias. 

Nese mesmo período, a Consellería do Mar investiu na confraría de pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira preto de 2 millóns de euros, indo a maior parte dos recursos destinouse ao acondicionamento e rexeneración de bancos marisqueiros e á protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños. 

Ademais, anunciou que no 2023 Portos de Galicia procedeu á redacción de novos proxectos que suporán un investimento futuro de 2 millóns de euros.