A Xunta axudará cun bono universal de 5.000 euros ao ano ao coidado de dependentes en casa

Pontevedra
09 de outubro 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda anuncia tamén un complemento de 1.200 euros anuais para todos os dependentes que conten cun bono para acudir ao centro residencial da súa preferencia

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou durante a súa primeira intervención no Debate sobre política xeral varias medidas de apoio ás familias e aos maiores, de mellora na atención ao dependentes así como iniciativas para facilitar o acceso á vivenda ou para impulsar proxectos industriais na comunidade.

Unha das medidas anunciadas esta mañá polo titular do Goberno galego é a creación dun bono universal de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con dependencia que reciban os coidados dun familiar, un veciño ou un profesional na súa propia casa. 

Tal e como explicou Rueda, estas axudas van converter Galicia na única comunidade en contar cun bono universal para persoas con dependencia sexa cal sexa o seu grao ou a súa renda e, por tanto, converterá á comunidade no lugar con máis apoios para que os maiores sexan atendidos no seu fogar.

E no caso dos dependentes que xa conten cun bono para acudir ao centro residencial que desexen, van recibir un complemento de 1.200 euros ao ano. Este plus será independente da renda do destinatario ou do grao de dependencia.

Avanzou o presidente que a Xunta creará o Carné+65 para ofrecer descontos ás persoas maiores e que, a partir do ano que vén, a Tarxeta Benvida será enviada directamente ás familias que cumpran os requisitos.

Tamén indicou que baixará nun punto o tipo xeral, ata o 8%, do Imposto de Transmisión Patrimoniais para a compra dun inmoble de segunda man.

No ámbito industrial, Rueda destaca que os proxectos de maior relevancia terán garantida a tramitación no prazo dun ano e que se creará un fondo de capital público-privado para facilitar financiamento ás iniciativas que dan os seus primeiros pasos.

Alfonso Rueda tamén apuntou que a Xunta creará un parque canino en cada unha das sete cidades galegas, para os que os concellos só terán que ceder as parcelas e que se reforestarán as marxes das vías de altas prestacións de titularidade autonómica con especies autóctonas e frondosas.

Tamén destacou a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas que permitirá elaborar en Galicia fármacos personalizados contra o cancro e do centro de xestión integrada de imaxe médica que permitirá axilizar o tempos para someterse a unha proba radiolóxica ou de anatomía patolóxica.

INTERVENCIÓN DE ANA PONTÓN

Na intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no debate de autonomía presentou unha decena de retos estratéxicos que supoñen o "programa do goberno" que ela quere liderar tras as próximas eleccións autonómicas de 2024.

Entre as propostas do Bloque, destaca a necesidade de aumentar o benestar social e a calidade de vida da cidadanía mellorando a sanidade, investindo máis en educación e reforzando as políticas de dependencia e de maiores.

O BNG tamén prioriza a transformación da economía para producir de forma máis sostible apostando tamén por un reforzo das políticas industriais e por medidas de respaldo aos sectores primarios. Todo iso, impulsando un Executivo con maior capacidade de autogoberno.

Pontón insistiu en que o BNG representa o "futuro" de Galicia tras catorce anos de gobernos dos populares cun "estrepitoso fracaso das súas políticas" que só serviron para "triturar o presente e o futuro dun país". "O PP déixanos unha Galicia peor", sentenciou.

PARTIDO SOCIALISTA

O portavoz do PSdeG, Luís Álvarez, reivindicou que "o bono de coidados a dependentes é unha medida do bipartito" en referencia ao anuncio "estrela" do presidente da Xunta.

No seu discurso o portavoz socialista reclamou que a Xunta invista máis en ciencia e innovación e que se "tome en serio o cambio climático" e "non confunda enerxía verde con espolio verde" que, segundo dixo, representa "boom eólico depredador das eléctricas".

Álvarez comprometeuse a que o PSOE garantirá o acceso a unha praza de residencia con garantía de supervisión pública a quen o demande e recuperará "a xustiza social e a progresividade, tamén a tarxeta básica", sinalou.