A Xunta asina o contrato das obras do Hospital Gran Montecelo

Pontevedra
13 de abril 2021

Os traballos da primeira fase comezarán en maio, contan cun prazo de execución de 42 meses e consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de 92.000 m2 distribuídos en 10 andares

Hospital Montecelo de Pontevedra
Hospital Montecelo de Pontevedra / Cristina Saiz

A Xunta vén de asinar o contrato para execución da 1ª fase do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra, cuxas obras prevé comezar a principios de maio e suporán un investimento autonómico de preto de 130 millóns de euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou o contrato co representante da adxudicataria, a unión temporal de empresas S.A. de Obras y Servicios, Copasa-Puentes y Calzadas Infraestructuras-Ogmios Proyecto S.L.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses, consistirán na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.

Concretamente, construirase unha zona de basamento, que estará distribuída en dous edificios de cinco plantas: un dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, de medicina preventiva, de cardioloxía, ou de dixestivo; e outro traseiro onde estarán ubicadas as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios, entre outros. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

No seu conxunto, a Xunta investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, o Hospital Público Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.

O novo inmoble estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade. A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas.

Coa ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio, cunha única porta de Urxencias, sen interferir na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente se realizará a conexión.

Esta distribución foi definida polos propios profesionais da sanidade pública, con achegas de 300 traballadores obtidas en 120 reunións e preto de 2.400 enquisas.

Coas obras de ampliación e reforma, o Gran Montecelo verá ampliada a súa capacidade para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 26 concellos e os seus máis de 300.000 habitantes, dos próximos 50 anos.

Para avanzar nesta infraestrutura sanitaria, os Orzamentos da Xunta para 2021 recollen unha partida de 13,50 millóns de euros.

 

Arquivado en