A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, asinou na xornada deste xoves a acta de replanteo para o inicio das obras de construción do emisario submarino de Praceres, unha actuación na que se invisten 12 millóns de euros e que mellorará a depuración de augas residuais na Ría de Pontevedra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, asistiron este mediodía ao acto que marca o comezo efectivo da actuación, unha vez que xa se tiñan iniciados traballos previos, cumprindo deste xeito o cronograma facilitado pola conselleira Ethel Vázquez o pasado 11 de maio no transcurso dunha reunión coa Confraría de Lourizán.
Na mesma tamén se garantiu que o proceso das obras adaptouse para compatibilizalo coa actividade produtiva e extrativa da Ría de Pontevedra.
Esta actuación ten previsto un prazo de execución de doce meses, aos que hai que engadir outros doce para a súa posta en marcha.
"O saneamento da Ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades da Xunta de Galicia en materia hidráulica, con investimentos activados ou proxectados por 50 millóns de euros, xa que resulta imprescindible no noso proxecto centrado na recuperación ambiental das augas, a preservación da ría, a garantía da produtividade marisqueira, da pesca e da acuicultura e o fomento da actividade turística", explicou o delegado territorial.
A construción do emisario submarino inclúe unha parte terrestre con cámara de carga e estación de bombeo e 3,5 quilómetros de tubaxe ata o punto de vertido.
Neste senso, cómpre sinalar que a Consellería de Infraestruturas modificou o proxecto inicial, aceptando as alegacións dos mariscadores de Lourizán, para alongar o treito en túnel co obxectivo de non causar afeccións aos bancos de marisqueo a pé desta zona, o que supuxo un incremento orzamentario duns 2 millóns de euros.
Este investimento, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, complementará a reforma, principalmente tecnolóxica e cifrada en 16,5 millóns de euros, que se está a acometer na depuradora de Praceres e que xa se atopa nun grao de execución do 40%.