Non hai "punto elixido" para realizar a vertedura dos residuos que se retiren do Lérez tras a súa dragaxe. Así o reafirma a Xunta de Galicia, ante as informacións que apuntaban ao entorno da illa de Sálvora como o lugar no que depositar este material.
"É algo que aínda se está a estudar", garanten desde a Consellería do Mar, que recorda que esta actuación está nunha fase "moi preliminar" e que non existe ningunha decisión "en firme", xa que esta cuestión está en estudo.
O goberno galego recorda que aceptaron cambiar o punto inicial de vertedura, preto da illa de Tambo, tras comprobar que este asunto era o principal problema que bloqueaba o proxecto. Esta posibilidade non gustou, especialmente, ao sector marisqueiro e mariñeiro da ría.
Ante esta situación, engaden desde a Xunta, os técnicos están a verificar a posibilidade de verter en puntos situados fóra da ría e xa autorizados en ocasións anteriores, co obxectivo de axilizar a tramitación desta actuación.
Mar afirma ter contratados os estudos necesarios para analizar esa viabilidade dos puntos de vertido, algo que "deixa ben claro" que a decisión aínda non está tomada pois "non se pode avanzar no proxecto carecendo dos avais necesarios para levalo a cabo".
Por iso, a Xunta asegura que é un erro "grave e inxustificado" falar dun punto de vertido definitivo cando eses estudos "nin sequera están realizados" e recordan que, para poder depositar os materiais procedentes de dragaxes en puntos de vertido no mar, os elementos que os compoñen, sexan lodos ou áridos, deben ser inocuos para o seu hábitat.
A este respecto, os responsables autonómicos queren lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao sector e pedir a "máxima responsabilidade" a todas as partes implicadas para que non se alarme de "xeito inxustificado" sobre esta actuación.
A consellería engade que o diálogo e o consenso seguirán a ser as "vías prioritarias" para sacar adiante un proxecto de dragaxe do Lérez que, como fin último, busca mellorar o estado da ría de Pontevedra.