A Xunta asegura aos bateeiros que o novo emisario suporá unha "mellora radical" para a súa actividade

Pontevedra
04 de setembro 2019

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron este mércores un encontro con representantes de Amecomra

A Xunta reúnese cos bateeiros para falar do saneamento da ría de Pontevedra
A Xunta reúnese cos bateeiros para falar do saneamento da ría de Pontevedra / Xunta de Galicia

A conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, acompañadas polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, expuxéronlle este mércores o proxecto definitivo do novo emisario submarino aos representantes de Amecomra, a Asociación de Productores de Mexillón de Combarro e Raxó.

As conselleiras explicaron que esta infraestrutura, recentemente licitada, achegará "importantes beneficios" ao proceso de saneamento da ría e "a mellora prevista para a actividade produtiva das bateas".

Na reunión con Amecomra, as representantes do goberno galego insistiron en que o deseño do novo emisario submarino, elaborado en colaboración co Intecmar, afasta da costa o punto de vertido e suporá unha "mellora radical" con respecto ao actual emisario en relación coa afección ás bateas.

Augas de Galicia elaborou o proxecto baseándose nun "exhaustivo análise" do comportamento da dinámica da ría, tendo en conta múltiples variables, entre as que se encontran as mareas, as correntes, a salinidade ou a temperatura da auga.

Na xuntanza, as conselleiras informaron de que a previsión da Xunta é iniciar este mesmo ano os traballos de mellora da depuradora e na primeira metade de 2020 comezar a construción do novo emisario submarino.

Arquivado en