O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidirá este luns unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, na que está previsto aprobar o proxecto de orzamentos da Comunidade para o ano 2022, unhas contas orientadas á recuperación económica agora que previsiblemente estamos a afrontar a fase final da pandemia.
O Consello será o primeiro no que participe o novo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que tomará posesión con anterioridade tras saír o seu nomeamento publicado no Diario Oficial de Galicia. Ata a actualidade, Corgos ocupaba precisamente a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta de Galicia, na Consellería de Facenda.
Os orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio reflectirán os principais aspectos que xa avanzou o xefe do Executivo galego na súa comparecencia parlamentaria da pasada semana no debate anual de política xeral. Así, adiantou Feijóo que serán unhas contas que consoliden o modelo que Galicia vén aplicando nos últimos anos: cunha marcada aposta polas políticas sociais; con máis investimento, con menos ratio débeda/PIB e con menos impostos.
Adiantou o presidente que serán uns orzamentos "realistas e prudentes", nos que se prevé un crecemento sostible para 2021 e 2022 do 6% do PIB cada exercicio, medio punto por riba da prevista para este ano no teito de gasto.