A Xunta vén de aprobar o proxecto construtivo do eixe de mobilidade sostible entre Mollavao e Os Praceres, a través da estrada vella de Marín, que prevé un investimento de case 6,7 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar nas vindeiras semanas as obras e, en paralelo, continuará tramitando as autorizacións sectoriais de Costas do Estado e do ADIF, así como a expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.
Esta actuación central na estrada PO-546 consiste na execución dun itinerario de 3,5 km de lonxitude, co obxectivo de transformar a estrada nunha rúa e mellorar a súa funcionalidade, facilitando o tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.
O trazado da senda irá separado da estrada na travesía da Gandarela, por mor da falla de espazo entre as construcións existentes.
Construirase unha glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade no acceso a este centro.