A Xunta anuncia que en marzo estará redactado o anteproxecto do novo emisario submarino

Pontevedra
11 de outubro 2016

Representantes dos sectores produtivos e dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio acudiron este martes a unha reunión de gran contido técnico coas conselleiras de Medio Ambiente e de Mar, na terceira reunión de seguimento do Plan de Saneamento da Ría

Terceira reunión de seguimento do Saneamento da Ría /

Representantes dos sectores produtivos e dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio acudiron este martes a unha reunión de gran contido técnico coas conselleiras de Medio Ambiente e de Mar, na terceira reunión de seguimento do Plan de Saneamento da Ría.

No encontro a conselleira Beatriz Mato deu conta do traballo que leva feito o seu departamento de medio ambiente, que durante este verán completou a batimetría para sinalar o emprazamento máis adecuado do novo emisario submarino. Tamén se revisaron 136 quilómetros de tubaxes dos máis de mil quilómetros que se inspeccionarán. Ademais comprobouse a estanqueidade de 4.300 pozos das máis de 15.000 arquetas de sumidoiro pendentes de estudo.

Trátase de traballos previstos nas primeiras fases do Plan de Saneamento adxudicado por Augas de Galicia por un importe de 1,5 millóns de euros e que permitirán que o próximo mes de marzo os técnicos poidan redactar o anteproxecto de construción do novo emisario submarino, unha das actuacións consideradas "prioritarias" e urxentes.

A mesma consideración ten a construción da depuradora de Poio, como indicou a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez, que lembrou este martes que o obxectivo de todo o sector é lograr unha mellora da calidade das augas que permita que moitos destes bancos poidan abandonar a súa cualificación como "zona C".

Neste sentido, o Concello de Poio segue sen decidir unha localización para a depuradora entre as tres posibles localizacións onde o proxecto é viable tecnicamente. 

Este punto xerou controversia durante a reunión xa que o sector e a Xunta apremian ao goberno local de Poio a que resolva e defina a localización da EDAR entre tres opcións: a de Pampaído, a preferida polo Concello de Poio pero que afecta o municipio veciño de Sanxenxo; a zona de Laño á que se opoñen os veciños de Samieira e o sector marisqueiro e a última alternativa de Monte Covelo, moi custosa e que implica grandes dificultades técnicas xa que supón executar unha depuradora por enriba do trazado da PO-308.

Beatriz Mato lembrou que o goberno galego reservou 5,7 millóns de euros para a súa execución.

Grazas a esta nova planta resolverase a depuración da parte do concello de Poio que actualmente verte as súas augas residuais polo emisario submarino de Raxó sen depuración previa; á vez que poderá asumir parte das augas residuais que na actualidade Poio manda á EDAR de Praceres.

CONTINUIDADE DE ENCE

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao final do encontro mantido na delegación da Xunta, explicou que "estas reunións son un pequeno avance" e lamentou que o estudo de Augas de Galicia vaia "máis lento do que quixéramos todos".

Mentres a Xunta elabora o estudo, o alcalde lembrou que "hai cousas que se poden ir facendo" como a actuación na zona de Cocheiras, en Mollabao. Desde a construción da variante de Marín, reduciuse o tamaño do colector e prodúcense vertidos á ría, "mesmo cando non chove".

O alcalde de Pontevedra tamén puxo sobre a mesa a continuidade de Ence. Fernández Lores insistiu na súa tese de que "o saneamento completo da ría será imposible mentres Ence estea aí".

Así, Lores lembrou que non se está abordando nas reunións os 13 millóns de metros cúbicos que verte a pasteira ao emisario submarino "o que aumenta a imposibilidade de dilución da vertedura". Segundo os datos do rexedor, todos os concellos da ría verten ao redor de 6 ou 7 millóns de metros cúbicos ao emisario submarino, "e parecer ser que a ninguén lle interesa o tema, pero nós ímolo a poñer enriba da mesa".