A Xunta anuncia novas obras no CEIP Froebel, EEI Concepción Crespo Rivas, IES A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento

Pontevedra
15 de decembro 2023

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este venres catro novas actuacións previstas en centros educativos da cidade de Pontevedra. A máis importante delas é a terceira fase da rehabilitación integral do colexio Froebel, cunha obra se comprometeu a licitar durante o ano 2024

CEIP Froebel
CEIP Froebel / Mónica Patxot

O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, anunciou este venres nunha visita a Pontevedra catro novas actuacións en centros educativos da cidade.

Tras reunirse cos directores dos centros afectados, o representante do goberno galego explicou as obras que se pretenden acometer.

A máis importante delas correspóndese coa terceira fase da rehabilitación integral do CEIP Froebel, cun investimento previsto de 1,1 millóns de euros e cuxo proxecto está actualmente en redacción. A este respecto Rodríguez comprometeuse a licitar as obras durante o ano 2024, nunha intervención que incluirá a reparación integral das cubertas que faltan por cambiar, cunha superficie de 1.432 metros cadrados. Ademais está previsto renovar os aseos da torre central, mellorarase o illamento térmico e cambiaranse falsos teitos e luminarias na zona de aulario, renovando a instalación eléctrica e de protección contra incendios. 

Na Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas pola súa banda investiranse 750.000 euros para custear a súa ampliación. A licitación desta obra, asegura a Xunta, publicarase antes de que finalice este ano. Neste caso a reforma supoñerá amliar en 245 metros cadrados a superficie do centro creando unha sala de usos múltiples, aula desdobre, sala de profesores e cuartos de instalacións.

A Xunta ten tamén prevista unha actuación no IES A Xunqueira II que se licitará leste mesmo mes de decembro cun investimento de máis de 190.000 euros, neste caso para a instalación dun ascensor e a remodelación dos aseos da primeira e a segunda planta.

Por último o conselleiro afirmou que ao longo de 2024 redactarase o proxecto para a mellora da accesibilidade do instituto IES Frei Martín Sarmiento, cun orzamento pendente aínda de concretar.

Román Rodríguez defendeu que todas estas obras previstas "súmanse ás realizadas en centros educativos da cidade de Pontevedra desde 2009, cun investimento total de máis de 25 millóns de euros".