A Xunta anuncia máis de medio millón de euros de investimento para cambiar a cuberta do CEIP do Carballal

Marín
02 de decembro 2023

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este sábado o investimento. Ademais explicou que se están a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e A Laxe para realizar melloras ao longo de 2024

Visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao CEIP do Carballal
Visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao CEIP do Carballal / Xunta de Galicia

O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, anunciou este sábado un importante investimento destinado a cambiar a cuberta do CEIP Plurilingüe do Carballal, en Marín.

Nunha visita ao colexio, o respresentante do goberno galleho explicou que esta actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

"Este plan ten entre as súas prioridades mellorar a eficiencia enerxética dos edificios educativos, o que redunda ademais nun maior confort térmico para todos os membros da comunidade escolar", afirmou Rodríguez lembrando que "actuacións como esta, de renovación de cuberta, así como o cambio de fiestras que acometemos xa neste colexio, son fundamentais para avanzar neste obxectivo de alcanzar centros educativos máis verdes e máis respectuosos co medio ambiente".

A licitación do cambio de cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal está prevista para antes do final deste ano 2023 por un importe de 516.462 euros, e ademais do propio cambio de cuberta incluirá a instalación de novos canlóns e as baixantes de aluminio do ximnasio por outras de PVC.

Román Rodríguez avanzou tamén na visita que a Xunta está a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e Plurilingüe da Laxe para estudar a posibilidade de realizar melloras ao longo de 2024.