A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalaron este venres que a nova lei de ordenación e xestión integrada do litoral garante a seguridade xurídica necesaria para que o Concello de Cambados poida seguir adiante co Plan especial de ordenación para o porto de Tragove e San Tomé
Se trata de un instrumento que comezou a tramitar no ano 2014 e que pese ao interese estratéxico que ten para o municipio e o tecido empresarial non logrou aprobar aínda debido, segundo a Xunta, "ás trabas recibidas por parte do Goberno do Estado".
Un mes despois da entrada en vigor da nova lei do litoral galega, a vicepresidenta e o conselleiro visitaron este venres Mariscos Linamar para garantir que co actual marco normativo o desenvolvemento previsto para a zona portuaria cambadesa é posible e ten amparo legal.
Tras explicar que esta empresa é unha das principais afectadas polo "bloqueo" do plan especial xa que conta cun proxecto estratéxico para as súas instalacións en Tragove que non pode executar, a vicepresidenta segunda salientou que "fronte ás interpretacións restritivas da Lei de costas que leva anos facendo o Goberno do Estado, a normativa galega regula de forma clara e obxectiva as actividades e usos estratéxicos que pola súa función poden ocupar o dominio público marítimo-terrestre".
En concreto, Ángeles Vázquez destacou dentro deste grupo ás empresas da cadea mar-industria e ás instalacións que lles dan servizo polo que emprazou ao Concello de Cambados a retomar a tramitación do plan deseñado para desenvolver a zona portuaria coa tranquilidade de que "coa nova lei xa non hai obstáculos" para a súa aprobación.
Neste sentido, a vicepresidenta recordou que o ano pasado Costas emitiu un informe desfavorable sobre as depuradoras de marisco localizadas no espazo portuario cambadés co argumento de que non é un uso necesario para o porto e que, por conseguinte, deben localizarse fóra do dominio público marítimo-terrestre unha vez finalizadas as concesións.
Segundo explicou, "esta interpretación por parte do organismo estatal non ten cabida xa tras a aprobación da Lei do litoral galega", na que se recolle claramente que os establecementos da cadea mar-industria poden ocupar terreos do dominio público cando requiran da captación e retorno da auga do mar para o desenvolvemento dos seus procesos produtivos, como é o caso, por exemplo, dunha depuradora de marisco.
O conselleiro do Mar, pola súa banda, salientou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral pretende "aportar seguridade xurídica ás empresas do sector exercendo as competencias que ten a comunidade neste eido".
Esta norma, engadiu, dará a empresas como Mariscos Linamar a estabilidade que precisan para desenvolver a súa actividade, "sen trabas inxustificadas e exercendo como ata o de agora o seu papel de elo esencial da cadea mar-industria, conectando o sector produtor co comercializador".
Alfonso Villares asegurou que a nova regulación "vai acabar cos temores do sector sobre o seu futuro e a arbitraria interpretación da normativa de Costas que estaba a facer o Goberno central, poñendo en risco a continuidade de empresas que teñen demostrado o seu compromiso co medio ambiente e co territorio".