A Xunta aluga as antigas casas de mestres de Cerdedo logo da súa rehabilitación

Cerdedo-Cotobade
14 de xuño 2022

A conselleira Ángeles Vázquez salienta que neste momento o Goberno galego promove o remate e construción dun total de 512 vivendas de promoción pública cun investimento de 72,5 millóns de euros, principalmente nas grandes cidades galegas

Os novos inquilinos entraron nas súas vivendas
Os novos inquilinos entraron nas súas vivendas / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregou este martes 8 das 10 vivendas reformadas, xa que dúas delas foron entregadas anteriormente. A Xunta investiu 720.000 euros na rehabilitación de antigas casas de mestres para ofrecer en alugueiro en Cerdedo-Cotobade.

Logo de agradecerlle ao Concello ter cedido gratuitamente estes inmobles, a conselleira puxo en valor que estas vivendas terán unha renda mensual de entre 88 e 106 euros. 

Cada unha delas conta con preto de 84 metros cadrados útiles, distribuídos en dúas plantas e con dous dormitorios. Ademais, son vivendas eficientes desde o punto de vista enerxético ao contar cunha bomba de calor de aerotermia para calefacción e auga quente.

Ángeles Vázquez salientou que Xunta segue a apostar pola vivenda pública en Galicia, "neste momento promovemos o remate e construción dun total de 512 vivendas de promoción pública cun investimento de 72,5 millóns de euros, principalmente nas grandes cidades galegas".