A Xunta alerta de que as decisións do Goberno central poñen en risco tres depuradoras e 300 empregos en Cambados

O Salnés
09 de maio 2022

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou este luns as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no porto de Tragove, en Cambados, para analizar a situación na que se atopan tralo informe emitido por Costas do Estado que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios  

Rosa Quintana visita unha depuradora en Cambados
Rosa Quintana visita unha depuradora en Cambados / Xunta de Galicia

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou este luns as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no porto de Tragove, en Cambados, para analizar a situación na que se atopan tralo informe emitido por Costas do Estado que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios. 

Rosa Quintana asegurou que as decisións do Goberno central neste sentido poñen en risco o futuro da cadea mar-industria de Galicia. Só neste caso, no do porto de Tragove, vense afectadas tres depuradoras -estas dúas e outra máis- e arredor de 300 empregos.

"Todo aquilo que levamos dicindo desde o ano 2019 e polo que nos chamaban alarmistas, vemos que é unha realidade. Diciamos que viña o lobo e acusábannos de mentir, pero vemos que o lobo xa está aquí", lamentou a titular de Mar en funcións.

O Goberno galego lembra que a interpretación do Executivo do Estado sobre o plan especial do porto de Tragove demostra que "o sector se atopa ante un problema real", tal como se leva advertindo desde Galicia desde o ano 2019.

A Administración central cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura ou a depuración de produtos do mar, algo que, advirte a conselleira do Mar en funcións, "é de extrema gravidade e semella invadir competencias autonómicas".

Rosa Quintana alerta de que estas decisións poderían estenderse a moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia poñendo en risco instalacións do complexo mar-industria, edificacións de carácter social como centros de saúde ou colexios e incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta e da Administración estatal.

Quintana afirmou que o informe do Executivo central pretende aplicar a Lei de Costas nos espazos portuarios obviando a Lei de Portos de Galicia e a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios de Cambados, o que xera inseguridade xurídica no sector e en milleiros de edificacións.

BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, avanzaron iniciativas en ambas cámaras, así como no Concello de Cambados, para garantir a continuidade da actividade do sector mar-industria nesta localidade e desafectar os terreos e que pasen a ser propiedade do municipio. 

Rego lembrou que PP, PSOE e Unidas Podemos votaron en contra da emenda presentada polo BNG na Lei de Cambio Climático "que garantía a continuidade de milleiros postos de traballo".

A organización nacionalista demanda a inmediata transferencia á Xunta de Galiza de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo-terrestre tal e como está establecido no Estatuto de Autonomía da Galicia que aínda non están transferidas para "gobernar nós o noso mar".

Montse Prado explicou unha iniciativa para comezar o proceso de desafectación destes terreos, espazos para o uso e desfrute da veciñanza, e que "todo este espazo pase a ser competencia municipal". Prado reclama a transferencia das competencias relacionadas co dominio público marítimo-terrestre.