A Xunta alega que a "falta de cumprimento" do Concello de Caldas frea a ampliación do IES Aquis Celenis

Umia
02 de outubro 2024

A administración autonómica defende que o atraso nas obras de remodelación do centro se deben a que o goberno local de Caldas non puxo aínda ao dispor os terreos lindeiros para o novo aparcadoiro, o que dificulta instalar as aulas móbiles temporais necesarias para o alumnado

IES Aquis Celenis
IES Aquis Celenis / Concello de Caldas de Reis

A Consellería de Educación remitiu unha carta ao Concello de Caldas de Reis na que pide que se cumpran os compromisos adquiridos pola administración local no convenio asinado en 2022 para ampliar o instituto IES Aquis Celenis.

Asegura a Xunta de Galicia que o atraso nas obras débese á "falta de cumprimento" dos compromisos adquiridos polo goberno municipal.

En concreto sinala cara ao compromiso de adquirir os terreros lindeiros co instituto nos que estaba previsto habilitar un aparcamento, ademais de colaborar coa Consellería na disposición de espazos para recolocar ao alumnado durante o transcurso das obras.

Educación asegura que a día de hoxe non ten constancia "de que estean dispoñibles os terreos do aparcamento".

Esta parcela lindeira serviría ademais para instalar aulas temporais nas que poidan seguir impartíndose clases mentres avanzan as obras, tal e como se fixo recentemente en Pontevedra no IES Valle-Inclán.

Na ampliación do OES Aquis Celenis está previsto investir 5,4 millóns de euros.