A Xunta agarda informar publicamente "en poucos días" sobre o aparcamento do novo Montecelo

Pontevedra
26 de xullo 2023

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, afirmaba este mércores 26 que as obras dos edificios van a bo ritmo e agardan avanzar en breve prazo de tempo a información pública do aparcamento previsto e do proxecto construtivo da nova cafetería para as instalacións sanitarias

Plano das obras do novo Montecelo
Plano das obras do novo Montecelo

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, explicaba ese mércores na súa visita ao edificio administrativo da Xunta de Galicia que as obras do novo Montecelo "van a bo ritmo" e xa é posible comprobar que as edificacións se atopan levantadas.

Adiantou que, nestes momentos, están a ultimar os trámites técnicos administrativos para crear o novo aparcamento e tamén a cafetería que dará servizo ao Hospital Montecelo. 

Asegurou que "en moi poucos días" avanzarán na información pública do aparcamento, que contemplaría máis de 800 prazas de estacionamento, e do proxecto construtivo da nova cafetería.

A intención da Xunta de Galicia é que este aparcamento sexa de pago, xestionado por unha empresa privada, do mesmo xeito que sucede noutros centros hospitalarios públicos de Galicia.

Vázquez insistiu nos investimentos da administración autonómica en Pontevedra durante os últimos anos.

Arquivado en