A Xunta afirma que a Deputación avala o proceso de fusión de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
21 de agosto 2016

Desde a administración autonómica indican que unha vez recibido o informe favorable da Deputación xa foi convocada para o vindeiro 31 de agosto a celebración da Comisión Galega de Delimitación Territorial

Encontro de Núñez Feijóo con veciños de Cotobade e Cerdedo na carballeira de San Xusto
Encontro de Núñez Feijóo con veciños de Cotobade e Cerdedo na carballeira de San Xusto / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia confirmou, a través dunha nota de prensa, que vai continuar coa tramitación da fusión entre os concellos pontevedreses de Cerdedo e Cotobade, unha vez que recibiu o informe preceptivo dos servizos técnicos da Deputación de Pontevedra.

Segundo o que se expón nese informe do organismo provincial, a xunta de goberno acordou por unanimidade prestar conformidade a este proceso. Os servizos técnicos da Deputación fan constar que coas actuais normas do Plan de Obras e Servizos 2016, o Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá 262.146 euros menosdas arcas provinciais, unha situación que se resolverá para o exercicio seguinte. Con todo, desde a Xunta entenden que non é certo que o novo concello fusionado vaia a perder eses fondos.

Ademais, desde a Xunta de Galicia apuntan que a fusión permitirá que se incremente a participación nos tributos do Estado e do Fondo de Cooperación Local da Xunta, ademais de recibir un investimento adicional desde leste mesmo ano procedente do Fondo de Fusións habilitado pola administración galega.

Tras recibir o informe favorable da Deputación, xa se convocou para o próximo 31 de agosto a celebración da Comisión Galega de Delimitación Territorial onde a fusión xa se atopa entre os temas da orde do día.

A Xunta indica que a través do Fondo de Cooperación Local, a Cerdedo-Cotobade corresponderanlle 1.630.248 euros se finaliza o proceso de fusión antes do 30 de outubro.