O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns fai pública a revisión da autorización ambiental integrada (AAI) á fábrica de Ence en Lourizán, é dicir, non se trata dunha nova autorización ambiental, senón que se actualiza a AAI coa que xa contaba a fábrica desde o 30 de abril de 2008.
Esta resolución da dirección xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia tamén rexeita as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra e distintos colectivos como a Asociación pola defensa da Ría (APDR), a Confraría de Pescadores de Lourizán e Marea Pontevedra.
A nova autorización ambiental da fábrica de Ence, que ten unha validez de catro anos, adáptase a novos parámetros de emisións "máis restritivos" que os fixados en 2014 pola Comisión Europea.
Esta autorización fixa prazos para que a empresa poña en funcionamento diversas melloras técnicas que reduzan a contaminación.
Así, a Xunta esixe que antes do 1 de abril de 2019, as augas pluviais do complexo sexan vertidas tras o seu tratamento lonxe da costa a través do emisario submarino da depuradora dos Praceres. E para as augas residuais antes do 1 de decembro de 2019.
Igualmente, a autorización establece diversos prazos de revisión periódica das emisións contaminantes da fábrica e obriga a instalar un novo punto de control da contaminación en Campelo.
EN MAREA PIDE REVISAR A PRÓRROGA
O voceiro de En Marea, Luis Villares, fixo este luns unha chamada de atención ao goberno español lembrando que pode propor unha revisión de oficio da concesión do goberno de Mariano Rajoy á fábrica de ENCE "xa que existen sospeitas fundadas de que se foi un acto nulo de pleno dereito polo que podería dar lugar a nulidade da decisión tomada".
"Ese mecanismo pode ser activado en calquera momento e aínda estamos en prazo. Queremos que se acabe canto antes coa especulación de ENCE e a contaminación na ría", concluíu o voceiro de En Marea.